A Universidade de Santiago de Compostela convoca dúas iniciativas dirixidas ao alumnado de
secundaria e formación profesional co obxectivo de promover a divulgación
científica e matemática en lingua galega.
Por un lado, a décimo terceira edición do concurso 'Explícoche Matemáticas 2.0' premia curtas que expliquen contidos matemáticos. O prazo para presentar unha proposta neste concurso está aberto ata o 30 de abril.
Por outra banda, a cuarta edición de 'Petiscos de ciencia' busca espertar vocacións científicas e incentivar a creación de materiais divulgativos. O prazo para presentar unha proposta para este concurso remata o 15 de outubro.
Se queres coñecer máis detalles destes concursos podes consultar ESTA ENTRADA da web do Consello da Cultura Galega.
Tamén podes acceder directamente á web da Universidade para informarte sobre o concurso que che interesa:
- PETISCOS DE CIENCIA
- EXPLÍCOCHE MATEMÁTICAS 2.0
luns, 31 de marzo de 2025
Explícoche Petiscos
venres, 28 de marzo de 2025
Todo sobre Isaac
O vindeiro martes 1 de abril celebramos, como xa comentamos nesta mesma bitácora, o Día das Artes Galegas.
Nesta ocasión, recordamos a figura e a obra do compostelán Isaac Díaz Pardo, pintor, ceramista, ilustrador, escritor, intelectual... polímata.
Tod@s @s que tivemos a sorte de coincidir no seu tempo recordamos o seu traballo e a súa figura, pero @s que non a tiveron agora poden acceder a moitísima información e recursos arredor da súa figura na web https://www.isaacdiazpardo.gal/gl.
Para consultala facede clic na anterior URL ou na imaxe superior.
Ademais, existen numerosísimas gravacións sobre o seu traballo en YouTube que vos recomendamos consultar.
xoves, 27 de marzo de 2025
Prométeo, Pandora!!!
Levántase!!!
O pasado venres o alumnado de Oratoria de 3º de ESO estreou ante os seus compañeiros e as súas compañeiras de Francés, no marco incomparable da nosa Biblioteca, as súas propias adaptacións teatrais de dous clásicos gregos: ‘O mito de Prometeo’ e ‘A caixa de Pandora’.
Está claro que abrir a caixa de Pandora non foi para tanto, no bo sentido; tampouco facer un moderno Prometeo acabou coa xente a correr...
mércores, 26 de marzo de 2025
Le printemps en Galice...
Se o ano pasado foron @s nos@s compañeir@s @s que viaxaron ao país veciño (do norte), este ano son @s que foran os seus anfitrións e as súas anfitrioas @s que nos honran coa súa visita.
Durante esta semana pódese escoitar polas rúas da vila un acento diferente, o d@s nos@s amig@s do Ensemble Scolaire Saint-Joseph à Maringues.
Do mesmo xeito có ano pasado, o noso Centro participa xunto co CPI Alfonso VII de Caldas de Reis nesta interesantísima experiencia que nos lembra (e cada vez é máis valioso e importante subliñalo) que a convivencia pacífica -e mesmo a amizade- entre países veciños non é só posible, senón tamén necesaria.
Como diciamos ao principio, a primavera galega ten estas cousas: do vento e da chuvia brigantin@s á apracible tarde cesureña.
Agora veñen días de sol nos que tod@s, oriúnd@s e foráne@s, poderemos aproveitar para gozar de Galicia como merecemos... e como tamén Galicia merece!
As imaxes dan boa conta de que foron días de sol e diversión... aínda que algún acabou estrañando as nubes...
martes, 25 de marzo de 2025
Quen foi Isaac Díaz Pardo
O Seminario Galán achéganos esta interesantísima Guía
Informativa e Proposta Didáctica 'Quen Foi Isaac Díaz Pardo', elaborada por
Noelia Antelo Blanco.
Grazas a ela podemos coñecer a figura do artista compostelán ao que
dedicamos en 2025 o Día das Artes Galegas, así como o seu decisivo papel no
desenvolvemento da cerámica de Sargadelos, sen dúbida un referente fundamental da arte e da
industria galegas, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.
Para utilizala, de balde, non tes máis que premer NESTA LIGAZÓN ou na imaxe
superior.
luns, 24 de marzo de 2025
Malas noticias para as Letras Galegas
Segundo o Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros de 2024, a lectura en lingua galega practicamente non mellorou con respecto a 2023 e só o 3'8% da poboación de Galicia escóllea como a lingua preferida.
En relación cos audiolibros a situación é aínda peor, xa que só o 2'5% dos adquiridos foron gravados en lingua galega, moi por detrás do español e, tamén, do inglés.
Se queres coñecer máis sobre este asunto podes consultar a noticia de culturagalega.
Para consultares o informe completo fai clic NESTA LIGAZÓN.
venres, 21 de marzo de 2025
Día da Poesía... faina viral!!!
Consonte as bases, ás 21:00 de hoxe, día 21, Día da Poesía, acaba o prazo para remitir os vosos vídeos e participar na segunda edición de Fai Viral a Poesía!!!
Así que espabila, que aínda estás a tempo!!!
A seguir tedes as propostas que nos foron chegando, facendo viral a poesía no seu día, como corresponde!
Agora chega o voso momento; cal das catro vos gusta máis?
1. 'O Río', de Manuel María, por Alma
3. 'A primavera', de Antonio García Teijeiro, por Ana
xoves, 20 de marzo de 2025
Calameo sobre Isaac Díaz Pardo e o Día das Artes Galegas
Isaac Díaz Pardo é o artista compostelán ao que este ano dedicamos o Día das Artes Galegas.
O CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha, o CEIP Plurilingüe Bragade de Oza-Cesuras, o CEIP Sofía Casanova de Culleredo e os CEIP Ramón de la Sagra, Juan Fernández Latorre, Emilia Pardo Bazán e Cidade Vella da Coruña colaboraron para elaborar un caderno de actividades en formato Calameo arredor da figura de Isaac Díaz Pardo e do propio Día das Artes Galegas.
Se che interesa coñecer este recurso podes acceder a el, de balde, a través DESTA LIGAZÓN ou facendo clic na imaxe superior.
Máis doado non nolo poden poñer!!!
mércores, 19 de marzo de 2025
Fai viral a poesía!!! Últimos días para enviar os vosos vídeos
Moi bo día, Trasnos e Trasnas!
Xa fomos recibindo algúns dos vosos vídeos para participar no 'Fai Viral a Poesía!!!'
Lembrámosvos que aínda tedes o día de hoxe, mañá e o venres para enviardes as vosas propostas.
Se queredes consultar as bases, podedes facelo AQUÍ.
Se andades á procura de ideas, velaquí vos deixamos dúas ligazóns máis:
- VÍDEOS PREMIADOS EN 2024
- ALGÚNS VÍDEOS DE EDICIÓNS ANTERIORES
Ei!
Que fas aí sentad@???
Veña a facer viral a poesía!!!
E dá os parabéns ao teu pai... Esa cabeza!!!
martes, 18 de marzo de 2025
XVIII Premio de Narración Curta Concello de Marín
O Concello de Marín convoca o XVIII Premio de Narración
Curta con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado -como sabemos- ás
cantareiras como transmisoras da poesía oral popular.
O certame premiará a orixinalidade e a calidade literaria cun único galardón de
1000 euros.
Os traballos deberán estar escritos en lingua galega e ser orixinais e
inéditos, de temática libre e cunha extensión de entre 5 e 10 páxinas.
O prazo para presentar manuscritos termina o 2 de maio ás 14.00 horas, a
través do sistema de plica, enviando os traballos ao Concello de Marín en dous
sobres separados, coa obra firmada baixo seudónimo.
Para consultares as bases completas, accede a través DESTA LIGAZÓN á web do Concello de Marín.
Se queres coñecer máis pormenoras da convocatoria, podes ler ESTA ENTRADA DE MORRAZO NOTICIAS.
luns, 17 de marzo de 2025
Fernando Calvet, Científico Galego de 2025
Fernando Calvet foi o elixido como ‘Científico Galego do
Ano’ de 2025 pola Real Academia Galega de Ciencias.
Introdutor da bioquímica moderna en España, modernizou a química orgánica en
Galicia e é considerado iniciador da investigación química na USC, na década de
1930.
A Academia salienta o seu "novo xeito de entender a Química na nosa
comunidade” e que “colaborou eficazmente no desenvolvemento de Galicia coa súa
contribución científica aplicada á industria, sendo un pioneiro neste labor”.
Aínda que o acto central de homenaxe terá lugar o 8 de outubro no marco do ‘Día
da Ciencia en Galicia’, durante todo o ano programaranse diversas actividades
para dar a coñecer a súa figura e as súas relevantes contribucións.
Se queres ampliar información sobre esta noticia, deixámosche dúas ligazóns coa:
- NOTICIA
NA WEB DE ASOMEGA (ASOCIACIÓN DE MÉDICOS GALEGOS)
- NOTICIA
NA WEB DA CRTVG
venres, 14 de marzo de 2025
Festival Luso-Galaico de Vídeo Escolar
O Festival Luso-Galaico de Vídeo Escolar está organizado
pola AO NORTE - Associação de Produção e Animação Audiovisual en colaboración
coa Câmara Municipal de Viana do Castelo, no ámbito dos Encontros / 25.º
Festival de Cinema de Viana.
Ten como principal obxectivo promover a práctica e a cultura audiovisual en
contexto escolar e está aberto a todos os grupos de alumn@s ou clubs de cinema das
escolas portuguesas do ensino básico e do ensino secundario e tamén ás escolas galegas de ESO e educación
secundaria postobrigatoria.
A presentación dos filmes seleccionados e a divulgación
dos vencedores será feita no día 14 de maio de 2025 no Teatro
Municipal Sá de Miranda de Viana do Castelo.
Anímate a participar!!!
A inscrición está aberta até o 30 de marzo de 2025, así que non te durmas!!!
Se queres consultar as bases fai clic NESTA LIGAZÓN.
Para inscribir o teu film no Festival fai clic AQUÍ ou na imaxe superior.
xoves, 13 de marzo de 2025
Presentación da Guía Didáctica 'O Seminario de Estudos Galegos'
A guía didáctica presentada hai uns días e que ten por
título 'O Seminario de Estudos Galegos' foi elaborada polo Instituto de
Estudos Galegos Padre Sarmiento, o centro de investigación mixto do Consejo
Superior de Investigaciones Científicas e a Xunta de Galicia.
O propósito desta Guía é achegar o traballo desta entidade á rapazada dun modo
divulgativo.
Se queres coñecer máis pormenores sobre a obra e a súa presentación podes
consultar ESTA NOTA do Portal da Lingua Galega.
Para descargar en PDF, de balde, este interesantísimo traballo podes facer clic
NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.
mércores, 12 de marzo de 2025
Concurso de marcapáxinas sobre as Cantareiras
O IES San Clemente de Santiago de Compostela convoca un concurso de marcapáxinas para homenaxear as cantareiras, ás que neste ano 2025 dedicamos o Día das Letras Galegas.
Se queres acceder ás bases do concurso, fai clic NESTA LIGAZÓN.
Pero non te demores moito, que o prazo de presentación de propostas finaliza o 31 de marzo.
martes, 11 de marzo de 2025
Escolma de termos científicos en lingua galega
Hai uns días a Universidade de Vigo presentou a 'Escolma de
termos científicos', un glosario que recolle vocabulario técnico en
galego nos ámbitos xurídico, medioambiental e micolóxico.
A
iniciativa busca normalizar o uso da lingua galega na ciencia e
visibilizar a investigación na lingua propia.
O proxecto,
desenvolvido por docentes da UVigo, reivindica a riqueza léxica
galega e aposta pola súa conservación.
A publicación
compleméntase cun almanaque ilustrado e prevese a súa continuidade
dentro do Plan de Ciencia de Ida e Volta 2025-2026.
Se queres
completar a información podes consultar ESTA NOTICIA da web da propia Universidade de Vigo.
Para
descargar 'Escolma de termos científicos', fai clic NESTA LIGAZÓN.
luns, 10 de marzo de 2025
Arrinca Olloboi 2025
Arrinca OlloBoi 2025, según a organización do Festival, "cun programa raivosamente optimista co que queremos saltar á primeira división. Non vos podemos desvelar aínda as novidades, pero sabede que recuperamos o noso espírito de celebración e xuntanza, e participar vai ser unha experiencia que non ides esquecer!".
Todos os centros educativos e o persoal vencellado aos mesmos (alumnado, familias, docentes, ex-docentes, PAS) podemos enviar as nosas curtas ata o 18 de maio. Na web olloboi.com temos acceso ao formulario para formalizar a inscrición e as bases, así como un histórico das edicións anteriores e materiais educativos para crear curtas na aula.
A festa do Olloboi 2025 celebrarase o venres 6 de xuño: das
10:00 ás 14:00 recuperan a Muchachada e pola tarde haberá
música, proxeccións e a xa tradicional entrega de premios, que
volve á fantástica localización da Abadía de San Enrique con todo
o seu cole-glamour.
Haberá premios para as mellores curtas de
Primaria, ESO, BAC/Ciclos e Universidade/Docentes/PAS.
De entre as curtas participantes seleccionaranse ata un máximo de TRES que terán dereito a asistir ao 26 Encontro de escola e cinema do Festival Internacional de Viana do Castelo (que se celebrará no mes de maio de 2026, cos gastos de aloxamento e manutención incluídos).
Xa sabedes, non perdades a oportunidade e a rodar!!!! E logo, a inscribirse...
venres, 7 de marzo de 2025
8M: hoxe, mañá e sempre
Pensando en facilitarnos a tarefa, como cada ano nestas datas e como cada ano en lingua galega, a CIG e a ASPG poñen á nosa disposición unha serie de materiais para traballar nas aulas a conmemoración do 8 de marzo.
- NESTA LIGAZÓN podes acceder aos contidos para as aulas de Infantil
- NESTA LIGAZÓN podes acceder aos contidos para as aulas de Primaria
- NESTA LIGAZÓN podes acceder aos contidos para as aulas de Secundaria
Desfrutádeos!!!
Velaquí tedes tres deles:
Para irnos preparando, o alumnado de Educación Primaria
desenvolveu unha actividade proposta polo Concello da man de Tarabela Creativa..... RELATOS E HISTORIAS FERMOSAS DE MULLERES INCRIBLES!!!
Velaquí o temos...