
É posible que reparases que desde hai uns días uns carteis anuncian nos corredores do noso Centro tres funcións teatrais.
E é así porque, como de costume, a Escola Municipal de Teatro de Valga vai pechar un novo
curso coa representación de varias obras no Auditorio
Municipal, levando así á escena as aprendizaxes da última tempada.
As representacións serán o domingo 15 de xuño a partir das
19:00 horas, con entrada de balde para todo o público que queira asistir.
Actuarán tanto os grupos infantís e xuvenil da Escola (nas que sabemos que actuará alumnado do noso Centro) coma os adultos, que
porán en escena tres funcións nas que as gargalladas están garantidas, pero
nas que tamén se traballan os valores, especialmente cos máis cativos.
As obras que representarán son, como vemos na imaxe superior:
FABIOLA: No corazón da sabana vive Fabiola, a xirafa
máis alta de todas as xirafas que ve o mundo dun xeito diferente. Unha historia
de amizade e aprendizaxe sobre a importancia da comprensión e o valor da
cooperación.
POLOS PELOS: No fondo do bosque, onde as tesoiras
cortan soas e os secadores falan, tres bruxas moi peculiares —Rula, Mecha e
Escuma— rexentan un salón de peiteado máxico con moito pelo... e moito conto. Pero
esta non é unha tarde calquera: é Samaín, e os clientes que chegan non queren un simple peiteado. Unha comedia terrorífica, onde nada é o que parece, que
che fará rir, arrepiar e —se cadra— mirar cun novo ollar os monstros de
sempre.
PATIO DE LUCES: Comedia de portas que se abren, se
pechan e se atrancan amosando a vida en todo o seu esplendor. Neste edificio
nada escapa á mirada atenta de Lourdes, a porteira, que ten máis informes que o
Concello. Aquí as escaleiras teñen oídos, as paredes contan chismes e as luces
do patio acenden historias. Atréveste a entrar?
Se a resposta é sí, xa sabes: este domingo ás sete tes unha cita no Auditorio Municipal de Valga.
Para ampliares a información podes ler ESTA NOTICIA DE FARO DE VIGO ou consultar ESTA PUBLICACIÓN do Concello de Valga en Facebook.