domingo, 22 de febreiro de 2026

Día de Rosalía... 189 anos despois

Iso quere dicir unha cousa clara: que en once anos faranse douscentos do seu nacemento.
Estaremos aquí daquela? Iso ninguén sabe, pero queremos pensar que seguirán celebrándoo.

E nada mellor para comezar as celebracións que plantar os seus pensamentos entre nós, dito sexa en todos os sentidos posibles, como podemos ver nas imaxes superiores, xa que -como ela dicía- "nasín cando as prantas nasen, no mes das froles nasín".
No noso centro, ademais, temos gardada para hoxe a noticia do nome do gañador ou da gañadora da terceira edición do 'Concurso de Creación Plástica Imaxina Rosalía', que acadou máis participación que en anos anteriores, o que sempre é boa noticia.
Aínda que antes de anunciar a gañadora, mellor imos amosarche primeiro as propostas presentadas a concurso:

Para manter un pouco máis o suspense non imos aínda dicirche cal é proposta gañadora, pero si cales son as finalistas.
Estas mesmas, que xa podes ver expostas no taboleiro da planta baixa.

Esta convocatoria, como saberás, está dirixida ao alumnado de ESO do noso Centro.
Pero iso non quere dicir que nos esquecésemos do alumnado de Infantil e Primaria, xa que para eles e para elas desenvolvemos coa inestimable colaboración de titores e titoras a actividade 'Ilustramos Poemas'.
Dentro dela, en cada aula leron un poema de Rosalía e, a seguir, cada rapaza ou rapaz elaborou a súa propia ilustración.
Vendo os resultados, está claro que o 'Imaxina Rosalía' ten o futuro asegurado...

venres, 20 de febreiro de 2026

Poemas e 'Caldo de gloria'

Como cada 23 de febreiro o vindeiro luns celebramos -xa o saberás- o Día de Rosalía, conmemorando o seu nacemento.
Lembra que hoxe remata o prazo para presentar os teus traballos ao noso concurso 'Imaxina Rosalía'.
A nivel institucional, as actividades conmemorativas do Día de Rosalía xa están preparadas para o próximo luns.
Estas actividades abranguen desde actuacións musicais, lecturas públicas dos seus poemas e a degustación do coñecido como 'Caldo de gloria' ata un acto institucional central no Panteón das Galegas e dos Galegos Ilustres.
Desenvolveranse, xa que logo, entre Santiago de Compostela (onde naceu e repousan os seus restos) e Padrón (onde viviu e morreu).
Se queres coñecer os pormenores destes actos podes consultar ESTA NOTICIA do Portal da Lingua Galega.
Coa desculpa do 'Caldo de gloria' terás tamén, querid@ trasn@, a ocasión única de quentarte ao lume da lareira da Casa de Rosalía, que só acende para este día.
Quen sabe que inspiradoras ideas poden xurdir á súa calor...


xoves, 19 de febreiro de 2026

Hoxe e mañá...

... son os últimos días para presentar o teu traballo á terceira edición do Concurso de Creación Plástica 'Imaxina Rosalía', convocado polo EDLG do noso Centro para lembrar a Rosalía no seu día (o próximo luns).
Se queres consultar as bases ou acceder a recursos que che axuden a inspirarte para crear a túa proposta fai clic NESTA LIGAZÓN.
Que non che pase o que a Rosalía, xa a ves na imaxe, que non mirou ben os horarios e acabou perdendo o bus...