Nesta bitácora, como sabes, temos o costume de trasladarche as noticias máis significativas en relación coa lingua e a cultura galegas.
Hoxe, porén, imos adiantarnos a elas, cun vaticinio relacionado co Día das Letras Galegas de 2027.
Porque xa sabemos que 2026 vai ser o ano de Begoña Caamaño, iso non é novidade nin vaticinio, pero imos arriscar asegurando que 2027 vai ser o ano no que se conmemore a vida e a obra do neno labrego, de Xosé Neira Vilas.
E como é que o tes tan claro, dirás?
Porque da importancia da súa figura e obra ninguén dubida, e o 27 de novembro pasado fixéronse dez anos do seu pasamento, polo que xa pode ser homenaxeado no Día.
E se nos trabucamos, en todo caso será no 28, ou no 29...
E nunca é mal momento para lembrar (ou recordar, que pola súa etimoloxía significa "volver pasar polo corazón") un dos nosos autores máis queridos.
Se queres ir preparad@ para a futura homenaxe, chegue cando chegar, aquí che deixamos ligazóns a:
- a súa entrada na Wikipedia en galego
- o seu apartado na web isaacdiazpardo.gal
- o seu perfil na web da Real Academia Galega
- a web da Fundación Xosé Neira Vilas
martes, 2 de decembro de 2025
Neira Vilas, Día das Letras
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)


Ningún comentario:
Publicar un comentario