mércores, 4 de marzo de 2026

E ti, que pensas da igualdade?

No taboleiro de Orientación, na planta baixa do edificio de Primaria e Secundaria, podemos ver expostos os cartaces que están sobre estas liñas.
Como podes ler neles, fálannos do concurso escolar 'E Ti, que Pensas da Igualdade?..
Antes de nada, xa che dicimos que a data tope para participar nel é o 13 de marzo, así que bule!
O concurso, que este ano chega á súa terceira edición, está promovido pola Deputación de Pontevedra dentro da programación prevista con motivo do 8M, Día Internacional da Muller.
O seu obxectivo é fomentar a creatividade e o pensamento crítico do alumnado da provincia, ademais de analizar a súa percepción da situación das mulleres e dos homes na nosa sociedade.
É, tamén, unha canle de visibilización do talento creativo de nen@s e moz@s en diferentes disciplinas coma a poesía, o debuxo, a música ou o audiovisual, neste acaso arredor dun asunto fundamental para a nosa sociedade: a igualdade de oportunidades real e efectiva de mulleres e homes.
Na web do concurso tes acceso ás bases, ás categorías competitivas e demais pormenores do concurso e podes acceder a el a través DESTA LIGAZÓN ou facendo clic na imaxe superior.
Unha vez nela, fai clic en "BASES CONCURSO ESCOLAR 8M 2026: E Ti, que Pensas da Igualdade?"


martes, 3 de marzo de 2026

M de martes, M de marzo, M de Marcos

Hai uns días, na nosa canle de WhatsApp, recordamos o cento cincuenta aniversario do primeiro xornal integramente escrito en lingua galega: O Tío Marcos da Portela.
Hoxe completamos aquela efeméride achegándote unha interesantísima reportaxe que, sobre O Tío Marcos da Portela, elaborou Xoan Costa, de Nós Diario.
Para accederes a ela fai clic na imaxe do inicio.


luns, 2 de marzo de 2026

8M: Moito por facer

Coma todos os anos, a CIG-Ensino e a AS-PG poñen a disposición do profesorado unha proposta didáctica para traballar nas aulas o Día Internacional das Mulleres Traballadoras.
Este ano ten por título "Estratexias coeducativas para traballar na aula".
Nela, Leo Gala Torres (a súa autora, que é profesora de Secundaria e técnica en promoción de igualdade e de xénero) achega 10 actividades e referencias videográficas e dixitais para abordar esta temática adaptada a distintos niveis educativos. 
Podes acceder ao PDF coas dez actividades NESTA LIGAZÓN.
Ademais, na sección Recursos da web de CIG-Ensino (SEGUIR LIGAZÓN) hai moitas propostas que podes consultar para o seu uso con fins didácticos en calquera momento do ano.
Moitas destas propostas foron extraídas das Xornadas das Mulleres.
Por exemplo, a charla da directora de cine Oiane Sagasti (que foi presentar a serie documental “Xeración porno”), a presentación “Falar de sexualidade co alumnado” (da sexóloga e xornalista Laura Veiga), a presentación “Perpetuando” (proxecto de reinvención da historia da fotografía en clave de igualdade das profesoras Olaia Sendón e Ana Monteagudo) ou iniciativas como “ O barrio en feminino” levada a cabo no CEIP Concepción Arenal da Coruña.

venres, 27 de febreiro de 2026

Mmmmmmmm.... células comestibles...

O alumnado de Bioloxía de 1º de E.S.O. -eles e elas que poden- non paran de aproveitar a nosa lingua para divulgar os fundamentos da súa ciencia.
Como ves no cartaz, falamos hoxe do Concurso de Células Comestibles, que chegou á súa segunda edición.
Se tes fame vas pasalo mal; se tes fame de coñecemento, en cambio, moi ben.
Estuda as once candidatas e escolle entre elas a túa preferida.

Magoadamente, o período de votacións xa rematou.
Pero... queres saber cal foi a gañadora?
Pois pregunta!!!


xoves, 26 de febreiro de 2026

Tamén no 26, Lingua de Namorar!

Neste 2026 volve convocarse o clásico 'Lingua de Namorar' (chega xa á súa 15ª edición), do que xa vos falamos en anos anteriores.
Este concurso en liña promove o uso da lingua galega entre a mocidade nas redes sociais para enviar mensaxes de amor.
Trátase dun certame -como sabemos- impulsado pola Xunta e conta con tres categorías: dúas para a web (unha para moz@s de 14 a 19 anos e outra para @s de 20 a 35) e unha exclusiva para a rede social Instagram (dos 14 aos 35 anos).
A mocidade poderá achegar as súas mensaxes ata o 16 de marzo.
Evidentemente, estas mensaxes deberán estar escritas en lingua galega, en prosa ou en verso, á túa escolla, xa que non hai límites cando se trata de persuadir amorosamente.
Se queres máis datos sobre a edición de 2026 deste concurso podes consultar ESTA NOTICIA do Portal da Lingua Galega.
Achegámosche tres ligazóns máis para que vexas o fácil que é participar:
- Web do certame
- Bases do certame
- Formulario de inscrición


mércores, 25 de febreiro de 2026

E o 'Imaxina Rosalía' de 2026 é para...

Paradoxalmente, sobran as palabras (porque na obra gañadora, precisamente, non sobran).
"Impresionante", "espectacular" e outras palabras similares
 serviron para cualificar a proposta de Emily García Mata, de 3º de E.S.O., cunha homenaxe que mestura a técnica do caligrama co universo da noite estrelada de Vincent Van Gogh e, evidentemente, fragmentos da obra e o recordo a Rosalía.

Poucas veces foi tan doado chegar a un acordo -malia a alta calidade doutras propostas candidatas- como nesta ocasión.
Parabéns a tod@s @s que presentastes unha proposta, parabéns a@s finalistas e, evidentemente, parabéns a Emily!!!


martes, 24 de febreiro de 2026

Tamén en 2026....


De Rosalía,
onte o día,
hoxe amosa 
a túa valía
e fai viral 
a poesía!!!

Tralo éxito da pasada edición, este ano o noso concurso conserva as modificacións que nel introducimos, conservando sempre a súa esencia:
Queremos facer viral a poesía en lingua galega con gravacións de viva voz.
Como? Podes declamar, actuar, preparar vídeos de animación, manipular monicreques... o que queiras, pero sempre coa túa voz e a nosa lingua: a galega.
Este concurso, que naceu como homenaxe a Rosalía e creceu ata abranguer a poesía toda, ten como data límite para recibir os teus traballos -tantos como queiras-, como indican as bases na imaxe que segue, o 21 de marzo (Día da Poesía).
Oes??? Que fas aí parad@???
Veña a viralizar a poesía!!!