Hai poucos días as nosas compañeiras e os nosos compañeiros de 5º e 6º de Primaria achegáronse ao miradoiro do Galiñeiro para plantar especies autóctonas.
Están de noraboa, só lles resta ter un fillo e escribir un libro!
Esta actividade foi organizada polo Concello de Pontecesures en colaboración coa Consellería de Medio Rural e contou coa presenza da concelleira de Medio Ambiente e co apoio de axentes e membros de brigadas forestais.
Como podiamos imaxinar, a actividade pretende concienciar @s nen@s da importancia de protexer a nosa contorna, así como facilitar o contacto d@s miúd@s coa contorna natural máis próxima.
Nas imaxes vemos o mal que o pasaron, que présa que tiñan por voltar ás aulas!!!
mércores, 9 de abril de 2025
As árbores do Galiñeiro
martes, 8 de abril de 2025
Coñeces pandeireteiras? Rexístraas! E o Día das Letras, ao Auditorio!!!
A semana pasada presentouse en Santiago a segunda xornada pública da 'Asociación Somos Pandeireteiras. As tocadoras como transmisoras da lingua'.
Este evento terá lugar no Auditorio de Galicia de Santiago o 17 de maio, Día das Letras Galegas, como nos conta ESTA NOTICIA de El Correo Gallego.
Se queres inscribirte, de balde, podes facelo NESTA LIGAZÓN.
A iniciativa parte da Asociación Somos Pandereiteiras, cuxa web podes visitar AQUÍ.
Aproveitando a repercusión social que lles confere o feito
de que o Día das Letras Galegas vaia ser dedicado este 2025 á poesía popular
oral, a asociación Tocadoras Galegas quere tamén localizar e rexistrar os
grupos de pandeireteiras e cantareiras de Galicia.
Este proxecto de mapeo pretende ser tamén un recoñecemento ao labor das
asociacións e das mestras como transmisoras da música e das palabras.
A intención é localizar o maior número posible de
tocadoras e facer un rexistro dos grupos que hai por toda Galicia.
E se conseguimos que algunhas veñan ao Centro para amosarnos a arte que nos rodea, tanto mellor.
Para ampliar a información podes consultar esta noticia da web da CRTVG.
luns, 7 de abril de 2025
Previndo o acoso en galego
A pasada semana o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º cursos de
Primaria asistiu a unha charla expositiva e participativa arredor da Prevención
do Acoso Escolar organizada polo Equipo de Orientación do noso Centro.
Carla, psicóloga da Fundación Amigos de Galicia de Vilagarcía de Arousa, conduciunos
ao longo das tres actividades.
A segunda dinámica consistiu en escribir sobre nós mesm@s, que nos gusta de nós, e facer un debuxo sobre nós.
Na terceira, reflexionamos sobre cal foi a nosa vivencia do acoso, en relación a se presenciamos ou realizamos acoso a outras persoas e como vivimos esa experiencia.
venres, 4 de abril de 2025
Brasilândia? Non! Brazolinda
O pasado venres -hai hoxe unha semana- o alumnado de Infantil de 4 e 5 anos e o de 1º e 2º cursos de Primaria gozou dunha divertidísima xornada de xogos educativos na Biblioteca do noso Centro.
A empresa BRAZOLINDA facilitou os xogos, que fixeron as delicias d@s máis cativ@s.
Á vista está que mal, o que se entende como mal, non o pasaron.
xoves, 3 de abril de 2025
Convocadas as bolsas de estudos para o ano académico 2025-2026
Se queres solicitar as bolsas de estudos para o ano
académico próximo ou saber se podes facelo consulta esta ligazón: https://xuventude.xunta.gal/gl/node/683
O prazo para presentar a solicitude de bolsa tanto
para estudos universitarios como non universitarios estenderase desde o
día 24 de marzo ás 8:00 ata o 14 de maio de 2025 ás 15:00.
A recomendación desde a Administación é que pidas a bolsa sempre dentro de prazo aínda que non se abrise o período de matrícula nos estudos que che interesan ou mesmo se non sabes se vas estudar ou non, ou que estudos (no caso de que si).
mércores, 2 de abril de 2025
Os marcapáxinas de Isaac - Recursos
Como xa comentamos en anteriores entradas desta bitácora, Isaac Díaz Pardo é o artista a quen se dedica en 2025 o Día das
Artes Galegas, celebrado onte.
Para colaborar nesta celebración o EDLG do noso Centro convoca un
concurso no que o alumnado (do noso Centro) que queira participar
presentará o deseño para o anverso do marcapáxinas sobre Isaac Díaz Pardo (ou
a súa obra).
Ao tratarse dun marcapáxinas, o formato será 1:3;
é decir: se ten 10 cm de ancho terá 30 cm de alto (en realidade, se
cortas un folio pola metade "en vertical" xa che queda con
105mm de ancho e 297mm de alto, polo que se adapta bastante ben á
proporción requerida).
O detalle das bases telo NA ENTRADA DE ONTE DA BITÁCORA.
Para facilitarche o traballo, queremos achegar algunha información sobre o polímata compostelán:
- Páxina web chea de información e fotografías sobre a súa vida e obra.
- Apartado dedicado a Díaz Pardo no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.
- Vídeo '5 cousas que deberías saber sobre Isaac Díaz Pardo'. Duración: 1:43
- Vídeo 'Lembranzas e reflexións' con Isaac Díaz Pardo. Duración 5:18
- Videoinstalación 'As miradas de Isaac", de Cecilia Díaz Betz e Jordi Cussó. Duración: 26:42
- Resultados da procura en YouTube sobre Isaac Díaz Pardo.
- Breve reseña sobre Isaac Díaz Pardo do Museo de Belas Artes da Coruña.
- Bibliografía sobre Isaac Díaz Pardo.
- Algunhas imaxes de Isaac Díaz Pardo ou de obras del:
martes, 1 de abril de 2025
Día das Artes Galegas: Os marcapáxinas de Isaac - Bases
Co gallo da conmemoración, hoxe, do Día das Artes Galegas, dedicado en 2025 ao polímata compostelán (pintor, ceramista, intelectual...) Isaac Díaz Pardo, o EDLG do CPI de Pontecesures convoca un concurso de marcapáxinas conforme as seguintes BASES:
1. Pode participar calquera alumno ou alumna do CPI de Pontecesures.
2. Os traballos presentados terán como temática a vida ou a
obra de Isaac Díaz Pardo.
3. O marcapáxinas debe ser rectangular e posuír un formato aproximado de
1:3 (a recomendación é realizar a composición nun A4 partido á metade, de xeito
que ocupe 105 mm x
4. A técnica é libre (lapis, ceras, acuarela, témpera, colaxe...) sempre
que se trate dunha técnica manual (non serán admitidos os traballos elaborados
por computador nin fotografías).
5. A persoa que presenta o traballo debe indicar o seu nome e o curso ao
que pertence na parte posterior do traballo.
6. O último día para entregar os traballos é o 23 de abril de 2025, Día do Libro.
7. A entrega pode realizarse a través do titor ou da titora, do profesor
ou da profesora da materia correspondente ou directamente, en persoa, ao
coordinador do EDLG.