Unha banda de paxaros que fan música vai camiño de ser a
protagonista dun dos fenómenos culturais do momento en Galicia. É 'Bibopalula', a primeira serie musical de animación en lingua galega, estreada o
pasado 29 de novembro, e que xa conta por milleiros os seus fans.
A serie conta con cincuenta e cinco episodios na súa
primeira temporada, dos que corenta xa poden verse na plataforma de contidos
infantís de entretemento da Televisión de Galicia. Son pezas breves, de cinco
minutos, dirixidos pola ilustradora e animadora Laura Mahía, que tamén pon voz
a Robin, o paporrubio que lidera a Banda do Bosque.
Melania Cruz, Marita Martínez, Iria Lamas e Marta Lado
completan o elenco de actrices e actores do proxecto, ao que tamén se suma
Xosé Antonio Touriñán nalgúns capítulos.
Bibopalula quere achegar á cativada todo o
universo da natureza botando man da música, xa que cada capítulo remata co videoclip dunha canción orixinal composta por
Santi Jul e Iván Laxe.
Se queres ver calquera capítulo desta divertidísima serie, fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.
martes, 11 de febreiro de 2025
Be-Bop-A-Lula!!!!
luns, 10 de febreiro de 2025
Última semana para imaxinar a Rosalía imaxinando que
Como indicamos na convocatoria, resta apenas unha semana para que finalice o prazo de entrega de orixinais para participardes no Concurso de Creación Plástica 'Imaxina Rosalía' na súa segunda edición.
Lembrade que é válido calquera traballo sobre a figura, a obra, a vida ou os temas que ocuparon a súa imaxinación.
A única limitación é que se trate dun traballo desenvolvido manualmente, non elaborado mediante medios informáticos.
Se queredes material para vos inspirardes, accedede mediante ESTA LIGAZÓN a outra entrada da semana pasada.
Lembrade, tamén, que ata o 17 de marzo tedes tempo para participardes no XI Certame Poético que convocan o Concello de Padrón e a Casa de Rosalía. AQUÍ tedes acceso á entrada na que vos demos conta del.
Veña a imaxinar!!!
Veña a crear!!!
venres, 7 de febreiro de 2025
Chámame vago, pero escribo ben
Hai xa un tempo que temos dispoñible en liña, de forma gratuíta, o tradutor automático gaio, ao que podes acceder a través DESTA LIGAZÓN ou facendo clic na imaxe superior.
Se andas con présas, tamén tés dispoñibles versións para instalar no teu teléfono móbil, accesibles desde o Portal da Lingua Galega.
xoves, 6 de febreiro de 2025
Benvid@s a Xabarin.gal!!!
Trátase dunha nova web de entretemento da CRTVG, con contidos de balde, en lingua galega e dirixidos á cativada.
A Consellería colabora na súa promoción co obxectivo de incrementar o uso da lingua galega entre as xeracións máis novas, que está en alarmante retroceso (coma xa vos temos comentado).
Se queres acceder a Xabarin.gal podes facer clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.
Se prefires coñecer antes máis detalles podes consultar esta nota do Portal da Lingua Galega.
mércores, 5 de febreiro de 2025
E o gañador da terceira edición do Concurso de Fotografía...
... convocado polo Equipo de Convivencia do CPI de Pontecesures é:
Efectivamente, como podes ver sobre estas liñas, o gañador é Tomás Melón Rodríguez, de 4º de E.S.O.
Parabéns ao gañador!!!
Nestas primeiras imaxes podemos asistir "en diferido" á entrega do agasallo, o pasado venres.
A seguir podes desfrutar da fotografía gañadora e das outras presentadas a concurso, que nos amosan como representar a Paz desde puntos de vista -á vista está- ben diversos, que é do que se trata!
Parabéns, tamén, a tod@s @s que participastes!
Moitas das vosas fotos poderían ter sido escollido gañadoras...
martes, 4 de febreiro de 2025
Imaxina Rosalía... pero non te durmas!!!
Se queredes consultar as BASES do Concurso podedes facelo AQUÍ.
luns, 3 de febreiro de 2025
Certame Literario de Relato Curto Oria Moreno
O Concello de Pontecesures, no marco da conmemoración do 8
de Marzo, organiza un certame de relato curto dirixido ao alumnado de Primaria, Secundaria e adultos.
O prazo de admisión de obras finalizará o venres 7 de febreiro de
2025 ás 14:00 horas.
A entrega dos relatos terá que facerse obrigatoriamente de
maneira presencial no Rexistro Xeral do Concello de Pontecesures, en horario de
Rexistro de Entrada (9:00 a 14:00 horas).
Os relatos deberán ser orixinais, inéditos e non premiados
noutros certames.
As obras deberán estar escritas en lingua galega e a súa
extensión non deberá superar as 1000 palabras.
No seu desenvolvemento, debe promover a igualdade e/ou
cuestionar o modelo social sexista, ademais de evidenciar a súa relación con
Pontecesures.
Poderán participar estudantes de Primaria (5º e 6º), Secundaria
(ESO) e adultos (a partir de 16 anos).
Cada autor/a só poderá presentar un relato.
Entregarase nun sobre pechado que conterá:
- Tres copias do relato firmadas co lema e indicando a categoría na que se presenta.
- Un sobre pequeno pechado co lema da obra escrito por fóra.
No interior deste segundo sobre irá unha folla co nome, apelidos, copia do DNI,
data de nacemento, enderezo, teléfono e correo electrónico (propios ou dun/ha
titor/a).
Se queres consultar as bases completas do Certame podes facelo NESTA LIGAZÓN.
Anímate a participar!!!





























