martes, 16 de setembro de 2025

Martes rima (fácil) con Artes...

... e por iso hoxe falamos do Día das Artes Galegas.
A conta de que?
A conta de que foi desginada a persoa que será homenaxeada nel en 2026, que non é outra có alaricán José Suárez.
Nado en 1902, adicou a súa carreira á fotografía e o cinema principalmente.
Na foto superior podémolo ver departindo co grandísimo mestre do cinema Akira Kurosawa (a ver se sabes quen é quen); na seguinte durante a rodaxe do filme 'La mujer y el jockey' (xoga a encontralo).

Durante 2026 achegarémoste material e recursos dabondo para que poidas coñecelo.
Polo momento deixámoste tres ligazóns:
A PRIMEIRA, a Praza Pública, sobre a homenaxe que lle renderá en 2026 a Real Academia Galega de Belas Artes
ESTA SEGUNDA, ao xornal El Mundo (en español), sobre unha exposición que acolleu en 2016 o Instituto Cervantes sobre a súa figura.
- Serie fotográfica ROMARÍA E FEIRA DE SAN VITORIO, obra documental de José Suárez, na web do Museo de Pontevedra.

luns, 15 de setembro de 2025

E o Día das Letras en 2026 estará dedicado a...

... Begoña Caamaño.
Efectivamente; como probablemente xa sabías, a Real Academia Galega decidiu en xuño dedicar a Begoña o Día das Letras Galegas 2026.
Esta escritora e xornalista faleceu en 2014.
Se cadra coñeces que o Día das Letras Galegas só se pode dedicar a persoas que faleceron dez ou máis anos antes có da celebración. 
A
decisión, tomada no pleno da RAG celebrado na cidade de A Coruña, recoñece a súa obra literaria.
Dentro dela inclúense dúas novelas baseadas nos mitos da Odisea e o artúrico ('Circe ou o pracer do azul' e 'Morgana en Esmelle') ademais dunha extensa traxectoria xornalística, comprometida coa lingua galega e coa información de calidade.
Se queres coñecer máis sobre Begoña e a súa traxectoria consulta NESTA LIGAZÓN a noticia da web da RAG. 

venres, 12 de setembro de 2025

O Trasno, de etiqueta

Se cadra notaches que debaixo de cada unha das entradas desta bitácora (se a consultas desde un computador ou tendo activado "Ver versión web") aparecen uns textos que poden ser "NOTICIAS", "RECURSOS" ou "FESTIVAIS", por exemplo.
Son as etiquetas.
Se fas clic nunha delas (por exemplo "NO COLE") vanche aparecer todas as entradas da bitácora que estean etiquetadas desa maneira.
Isto permite unha utilización máis áxil dos contidos da bitácora, por exemplo se queres consultar calquera pormenor dos concursos que convocamos no Centro ou doutros sobre os que vos informamos aquí malia non estar convocados nel.

Ademais, tes tamén a posibilidade de procurar no cadro de busca na esquina superior esquerda da pantalla unha entrada da bitácora escribindo algunha palabra EXACTA que figure nela, como por exemplo ETIQUETA.
E se procuras ETIQUETA e dás con esta entrada a seguir podes acceder ás entradas da bitácora etiquetadas como:

AXUDAS

CONCURSOS

CONMEMORACIÓNS

DEPORTES

FESTIVAIS 

NO COLE

NOTICIAS

RECURSOS

SAÍDAS

TEMPO LIBRE

Pero, como temos moitas entradas que etiquetar, se cadra aínda non están todas listas, xa que empezamos a etiquetar as últimas que publicamos.

xoves, 11 de setembro de 2025

Pasou o día...

... pero non pasou a romaría!!!
Pasou o día, si, o Día das Letras Galegas, pero non pasou a romaría, porque 2025 segue sendo o Ano dedicado ás Cantareiras.
En relación a isto, por exemplo, no Museo do Pobo Galego, e só ata o día 28 deste mes, podemos visitar a exposición 'Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión' da que xa vos falamos nas datas da súa estrea.
E máis novidades que aínda restan.
Por suposto, os recursos da rede fican nela (non para sempre pero si de momento), como por exemplo a serie documental 'Se canto é porque quero' (á que podes acceder a través desta entrada do Trasno) ou os recursos dAs Ferreñas (accesibles tamén desde esta bitácora).
Pasou o día, non pasou a romaría nin o ano, pero cando pase o ano... non deixes de cantar!!!   

mércores, 10 de setembro de 2025

EstradaEscena 2025

O pasado domingo a agrupación cesureña Xacarandaina actuou dentro do Festival de Danza 6 coreógrafas, incluído na iniciativa Estrada Escena do noso veciño Concello da Estrada.
Ata o día 2 de xaneiro tes programadas, dentro dela, unha chea de actividades de todo tipo, moitas delas pensadas para o público infantil.
Se queres consultar o programa completo, podes facer clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.

martes, 9 de setembro de 2025

Solicitude do Bono Concilia Familia

Desde onte e ata o 7 de outubro pode solicitarse o Bono Concilia Familia, como nos conta ESTA NOTA DE PRENSA da web da Xunta de Galicia.
Se queres saber en que consiste o bono e como solicitalo, fai clic na seguinte imaxe para accederes á web do Programa de Apoio á Natalidade.

Dito en poucas palabras, é unha axuda económica -de ata 500 euros- destinada a favorecer a conciliación laboral e familiar en situacións puntuais ou durante vacacións escolares (por exemplo, para pagar os campamentos do pasado verán).
Se queres solicitala, podes seguir ESTA LIGAZÓN á Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

luns, 8 de setembro de 2025

Novo curso e novas axendas!!!

Xa estamos de volta!!!
As vacacións nunca son suficientes, é ben sabido.
Pero é o momento de regresar.
Para facervos máis doada a organización dos vosos traballos, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega repartiu, como cada ano, as axendas escolares en galego.

Na portada e contraportada podemos ver imaxes dalgunhas actividades desenvolvidas no noso centro no ano anterior.
Pero non só iso; tamén tedes un convite para seguirdes a Canle en WhatsApp do Trasno Paroleiro; en realidade é un xeito máis doado de acceder aos contidos desta bitácora directamente desde o apartado 'Novedades' de WhatsApp.
Coma no ano anterior, na contraportada da axenda figura un código QR para acceder a esta bitácora, do mesmo xeito que na marxe dereita da túa pantalla (se consultas a bitácora desde un computador ou activaches "Ver versión web" no teu móbil ou tableta).
Xusto enriba del (do código QR) tes tamén un acceso directo á Canle de WhatsApp da que che acabamos de falar; se segues a ligazón e lle dás a "Seguir" xa o tes todo feito. 

Ou, se prefires, pódelo facer desde a imaxe de abaixo.
En todo caso, decidas seguir a nosa canle ou non, desde O Trasno Paroleiro trasmitímosche os nosos mellores ánimos para que o novo curso sexa produtivo e feliz, esperemos que máis feliz, polo menos, que o ano que acabou...