venres, 13 de febreiro de 2026

Cen anos nunha mañá

Andamos de centenario (no Concello, non o Trasno, que nos faltan cinco ou seis anos aínda) e quixemos que o noso Entroido reflectise esa celebración.
Por iso, esta mañá o Centro encheuse de valeir@s, remeir@s, peregrin@s, praceir@s, futbolistas, festeir@s e demais fauna distintiva de Pontecesures (incluída unha lucida comitiva da famosa Casa Castaño, emérit@s incluíd@s).
Alguén dixo unha vez que 'unha vila non a fan os políticos, senón a súa xente', e se non o dixo ninguén dicímolo agora nós.
Do mesmo xeito, logo, o Entroido fano as persoas que nel participan.
Aquí vos traemos un breve testemuño gráfico (primeiro nas aulas, logo nos dous pases do festival) da celebración dunha mañá de Entroido con algunha desa xente de todos os tamaños e cores, que pretende conmemorar nada menos que cen anos na vida dun Concello.
E a alegría de vivir, de paso, porque "no hay que llorar, que la vida es un Carnaval..."
Se tivemos que resgardarnos no ximnasio para celebralo en vez de baixar á vila coma outras veces non é algo que debese estrañar neste inverno tan... como diríamos... galego, aínda que xusto para o festival decidise tamén disfrazarse. Iso si, cando terminou o festival volveu chover.

E para representar o noso Centro na celebración destes cen anos quen mellor có noso Meco, que -como escoitamos alguén dicir- "ficou mooñeeeeeco".

Pero se alguén levou o premio ao disfraz máis espectacular e inesperado hai que recoñecer que os Pepes, Turnes e Rivas -antigos mestres do noso Centro-, están case irrecoñecibles con ese conseguidísimo disfraz de helicóptero. Aínda non termino de crer que fosen eles! Ademais, cal é cal?

E se non puideches vir... agora tes unha segunda oportunidade!


xoves, 12 de febreiro de 2026

Cartas desde a fronte

 

No fondo, ninguén espera nunca verse metid@  nunha guerra, a non ser que a busque.
Vemos as guerras de lonxe, como se fosen cousas doutro tempo ou do telexornal.
E moitas veces temos a sorte de que a guerra non nos alcance...
Pero o alumnado de 4º de E.S.O., coa desculpa das aulas de Historia, quixo empatizar con esas persoas que sofreron e sofren a guerra desde dentro, que tiveron que matar para non morrer, que nunca pensaban verse nunha guerra.
Aínda pasado o mes de xaneiro, que morreu case no Día da Paz, esperamos que as súas letras sirvan para honrar a memoria de todas aquelas persoas que non pensaban verse nunca nunha guerra pero se viron.

mércores, 11 de febreiro de 2026

Superheroínas de célula tipicamente galega

 

E superheroes tamén!
Estes días o corredor de Secundaria viuse invadido por uns pequenos heroes e unhas pequenas heroínas.
Pequen@s pero imprescindibles, que unha cousa non quita a outra.
Mitocondrias, ribosomas e demais familia fixéronse fortes no taboleiro que está preto do ascensor.
E ademais ninguén sobra, porque de nada che vale  ter un núcleo flipante se logo dá pena o teu citoplasma.
Por iso quedan tan ben aí tod@s xunt@s e traballando sempre no noso beneficio... ou case sempre...

martes, 10 de febreiro de 2026

Entroideir@s de Cesures!!!

Facemos saber que ata o venres, 13 de febreiro, ás 14:00, podedes inscribirvos para participar no desfile de Entroido que partirá da rúa Portarraxoi ás 17:00 horas do domingo, día 15 de febreiro.
As asociacións, clubs e centros educativos do Concello de Pontecesures que participen no desfile como comparsa (con máis de 10 membros) percibirán unha gratificiación de 100 euros só por participar!!!
Se queres inscribirte XA, a ficha de inscrición tela NESTA LIGAZÓN.
Se queres consultar o anuncio e as bases (publicados no BOP) podes CONSULTALOS AQUÍ.


luns, 9 de febreiro de 2026

O Espazo Proxector, a 2000!!!

O ano pasado xa vos falamos do Espazo Proxector.
NESTA ENTRADA do Trasno explicámosvos en que consiste e como acceder a el. Se clicas na imaxe superior, contarancho a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega.
A novidade que hoxe traemos é que esta iniciativa (que achega recursos en lingua galega para seren empregados nas aulas ou no estudo do alumnado) xa superou os 2000 vídeos compilados e catalogados, en lingua galega e... si, de balde.
Se queres máis información sobre a noticia consulta a web da USC a través DESTA LIGAZÓN.
Se, polo contrario, queres acceder ao Espazo Proxector faino a través da ENTRADA DO CURSO PASADO, na que tamén che explicabamos algúns trucos para sacarlle máis partido.



venres, 6 de febreiro de 2026

Youtubeir@s e demais calaña dixital! Chegan os premios do Carballo Interplay 2026

 

Entre os días 16 e 19 de abril vai celebrarse o XIII Festival Carballo Interplay, pero dirás con certa lóxica que Pontecesures queda lonxe de... Carballo.
Porén, o Concello de Carballo publicou dúas convocatorias de premios relacionados co festival nos que si podes participar sen saír de casa.
O obxectivo dos premios é poñer en valor, visibilizar e fomentar o traballo dos creadores e creadoras que difunden contidos en lingua galega en Internet.
Os seus nomes? 'Premio Creación Dixital Galega' e 'Premio á Produción de Contido Dixital en Galego'.
Como indica a imaxe superior, podes formalizar a túa participación neles até o 29 de marzo.
Para non enredarnos en máis circunloquios, deixámosche as ligazóns ás súas webs, bases (BOP da Coruña do 22 de decembro de 2025) e formularios de inscrición específicos:

> PREMIO CREACIÓN DIXITAL GALEGA:

WEB  -  BASES (PDF)  -  INSCRICIÓN

> PREMIO Á PRODUCIÓN DE CONTIDO DIXITAL EN GALEGO:

WEB  -  BASES (PDF)  -  INSCRICIÓN

Se botas en falta máis información, podes consultar NESTA LIGAZÓN a web do Consello da Cultura Galega: