En marzo falámosche da primeira entrega da 'Escolma de termos científicos' cuxa publicación presentara a Universidade de Vigo.
Hai unhas semanas saíu á luz a segunda entrega.
Nela recóllense termos procedentes da informática, da xestión pública e da bioloxía mariña, acompañados de materiais gráficos e explicacións que achegan contexto cultural e científico.
O proxecto complétase con materiais como planificadores semanais e pousavasos ilustrados que procuran reforzar a presenza da lingua galega na vida cotiá, especialmente en centros educativos e espazos universitarios.
O propósito da iniciativa é normalizar o uso da lingua galega na ciencia e visibilizar a investigación na lingua propia.
'Escolma de termos científicos II' é, polo tanto, un glosario que pretende evidenciar que o galego serve para nomear con rigor a realidade científica e tecnolóxica.
O proxecto, desenvolvido por docentes da UVigo, reivindica a riqueza léxica galega e aposta pola súa conservación.
Se queres completar a información podes consultar ESTA NOTICIA da web da propia Universidade de Vigo.
Para descargar a segunda entrega da 'Escolma de termos científicos', fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.
Se queres descargar a primeira entrega pódelo facer directamente cun clic NESTA OUTRA.
xoves, 15 de xaneiro de 2026
Escolma de Termos Científicos: bioloxía, informática e burocracia
mércores, 14 de xaneiro de 2026
16 + 21 + ...?
Necesitámolo ou non?
Iso depende de como se mire...
En todo caso, o próximo día 16, este venres (pasado mañá) botará a andar a VIII edición do programa '21 días co galego e máis' promovido pola da Secretaría Xeral da Lingua.
Para non liarvos moito, simplemente vos diremos que a partir do venres teredes á vosa disposición as actividades e os audiovisuais elaborados polos dez centros participantes NESTA LIGAZÓN ou facendo clic na imaxe superior para facilitarvos a vosa participación no programa se queredes seguilo.
En que consiste?
En poucas palabras, en empregar a lingua galega nas tarefas cotiás, comezando pola escola, as 24 horas do día, durante 21 días para que o hábito se consolide e perdure... para sempre.
martes, 13 de xaneiro de 2026
Quen dixo Anotopat??? C.V.C.P.R.M.M. 9!!!
A Casa-Museo Manuel María convoca o seu Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María.
Este certame, que este ano chega á súa novena edición, está dirixido ao alumnado da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos.
O prazo de preinscrición dos centros que desexen tomar parte finaliza o día 17 de marzo.
Se queres consultar as bases, podes lelas nas seguintes imaxes (e se estás interesad@ en participar dínolo para que fagamos a preinscripción):
luns, 12 de xaneiro de 2026
Xogagalego, galeg@!!!
Nos últimos días do pasado ano Recuncho Gamer presentou Xogalego, un catálogo para facilitar a difusión dos videoxogos en galego e para darlle visibilidade ao traballo dos estudos e das creadoras e dos creadores que os desenvolven, ante as eivas das grandes plataformas para localizalos.
A ferramenta arrincou con noventa títulos, hoxe vai polos cento trinta e prevé medrar axiña até arredor dos douscentos.
Esta iniciativa conta co apoio da Deputación da Coruña e permite localizar xogos polo seu nome ou realizar unha busca guiada a partir da súa temática ou plataforma, por exemplo.
Cada entrada de Xogalego inclúe datos como autoría, ano, plataformas, xénero, idades recomendadas, linguas dispoñibles e ligazóns oficiais.
O proxecto completarase con accións divulgativas en liña e nos centros educativos.
Se queres ampliar a información podes ler ESTA NOTICIA de Cultura Galega.
Se queres acceder a XOGALEGO fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.
venres, 9 de xaneiro de 2026
Oteri-Ano e Concurso de Podcasts
O Parlamento de Galicia, coa unanimidade de todos os grupos, decidiu declarar o 2026 Ano Oteriano, con motivo de cumprirse o cincuenta aniversario do pasamento desta “figura esencial das letras, o pensamento e identidade galega contemporánea”.
Dase a coincidencia de que tamén en 2026 fai cen anos da publicación de 'Guía de Galicia', unha das súas grandes obras.
O Otero ao que se refire a homenaxe é Don Ramón Otero Pedrayo.
Sobre esta conmemoración deixámosche dúas ligazóns:
- Á ENTRADA DO PORTAL DA LINGUA GALEGA
E para comezar o ‘Ano Oteriano’, a Asociación de Amigos de
Otero Pedrayo acabou de convocar a cuarta edición do ‘Premio de oratoria
en formato pódcast Ramón Otero Pedrayo’.
Esta convocatoria está destinada ao alumnado galego de entre 15 e 18 anos.
Para participar podes enviar a túa peza, en formato audio ou vídeo, ao correo
da asociación (amigos.de.otero.pedrayo@gmail.com) entre o 10 de
febreiro e o 25 de xullo do presente ano 2026.
Este galardón conta coa colaboración da Secretaría
Xeral da Lingua e da cooperativa agraria Coren e busca
fomentar o coñecemento da figura do escritor e político galeguista entre os
máis novos, así como alimentar o cultivo da oratoria.
As propostas gañadoras das tres categorías (que suman unha dotación que rolda
os 3.000 euros) serán dadas a coñecer o 31 de agosto.
Os temas preferentes das pezas que se presenten deben ser o
medio ambiente, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a
historia, a xeografía, a etnografía e a comunicación e a tradición orais.
Do mesmo xeito, deberán estar elaboradas en lingua galega.
Ademais, cada peza contará cunha presentación do autor e do tema, unha
mensaxe central e un peche.
Na valoración das pezas terase en conta, de forma
preferente, os seguintes criterios: vocabulario, voz e dicción,
xesticulación (no seu caso), organización do discurso e argumentación e
calidade técnica da peza entregada.
Se queres coñecer máis detalles sobre a convocatoria podes
consultalos NESTA NOTICIA de La Voz de Galicia ou facendo clic na imaxe
superior.
xoves, 8 de xaneiro de 2026
Palabras de Paz
Bo día, querid@ trasn@!
E bo ano!!!
Para comezar da mellor maneira posible o novo ano o Trasno quere recordar o peor do que pasou, pero recordalo para sacar daquela perda o que se poida sacar de bo.
Evidentemente, falamos do pasamento da nosa grandísima compañeira e amiga Paz.
En vez de estendernos en palabras (que sempre serían poucas para contar dela todo o bo que hai que contar) queremos propoñerche a seguinte actividade, asociada tamén á celebración do día da Paz o vindeiro día 30.
Cal é a nosa proposta?
A partir dun deseño no que aparece Paz, escolle unha mensaxe que transmita esa paz que Paz nos facía sentir.
No noso caso, as mellores expresións da paz poden ser a boa convivencia, a solidariedade, a amizade ou o amor que sentimos pol@s que temos próxim@s.
Con esa mensaxe de paz -con esas "Palabras de Paz"- imos completar o deseño e pintalo no mellor entorno que poidamos, para que quede tan bonito como sexa posible.
Cales poden ser esas mensaxes?
Seguro que a ti se che ocorre algunha moito máis acaída pero poderían ser algo así como:
- "Deixa que o amor te guíe"
- "Por que andar enfurruñad@ se podes sorrir?"
- "O riso é o que máis me gusta de ti"
- "Quérote como es"
- "Un bico forte!!!"
- "Nada fai sentir mellor que facer ben aos outros" ...
Ou calquera outra que se che ocorra. Pero claro, unha imaxe vale máis que mil palabras e se cadra non encontramos as palabras que si somos capaces de expresar cun debuxo...
... pois non hai problema; debuxa esa mensaxe se prefires: o que importa é sentir esa paz e harmonía que Paz sempre quixo transmitirnos.
E, cando termines, tes un marcapáxinas que sempre vai servirche de alento.
venres, 26 de decembro de 2025
'Xenocidio', Palabra do Ano 2025
Con tristura pero con certa esperanza comentámosche hoxe que 'xenocidio' foi elixida Palabra do Ano 2025.
Non sería pola nosa insistencia, pero foi.
Se queres ampliar información sobre a elección fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.











