Lonxe do seu constume, este ano si, con bastante marxe para facer plans foi presentado o mércores da semana pasada o programa da trixésimo novena edición do Festival de Cinema Internacional Cineuropa, que desde mañá e até o día 23 deste mes de novembro (mes do cinema, porque non vai ser o mes de ir á praia a Carril) se celebra en Santiago de Compostela.
NESTA COMPLETÍSIMA NOTICIA DE EL CORREO GALLEGO temos máis información sobre o evento e sobre as películas máis relevantes que se proxectarán (entre as que se encontran os últimos traballos de directores tan importantes no panorama cinematográfico mundial como Jarmusch, Assayas, Sorrentino ou Jude, por poñer só catro exemplos).
Tamén nos conta a noticia que os premios honoríficos que se entregarán nesta edición, os Cineuropa, foron concedidos en concreto a Jaione Camborda -vella coñecida desta nosa bitácora-, Jonás Trueba e Kamal Aljafari.
Dentro do programa, que podes consultar a través DESTA LIGAZÓN, encontramos propostas para todas as idades e preferencias, sempre -iso si- cun punto de encontro: o cinema.
Se queres ver o programa doutro xeito máis cómodo, AQUÍ che queda a ligazón á programación en PDF.
Ademais, este ano o festival ten o amor como sinal de identidade; o amor, o amor... o amor, que tanta falta fai nestes tempos de tanta e tan innecesaria agresividade.
Deixámosche tamén a LIGAZÓN Á NOTICIA DE PRAZA PÚBLICA, por se queres coñecer máis puntos de vista sobre o festival que mañá comeza.
Xa o sabes, logo non digas que non avisamos... se queres un festival de cinema internacional pretiño da casa... non tod@s o teñen tan doado.



Ningún comentario:
Publicar un comentario